Friday 29 de March de 2024

Cincuenta asistentes no curso sobre criminoloxía e psicoloxía forense da Universidade Internacional Menéndez Pelayo


Medio cento de persoas están a asistir ao curso sobre criminoloxía e psicoloxía forense da Universidade Internacional Menéndez Pelayo: unha acción formativa que, un verán máis, regresa ao noso municipio e se desenvolverá entre hoxe e o venres no Centro Cultural Lustres Rivas.

O acto inaugural contou coa presenza do director da UIMP en Galicia, Domingo Bello Janeiro, co alcalde Manuel Ruiz, co riveirense Gustavo Buela-Casal (catedrático de Psicoloxía na Universidade de Granada) como director do curso e co inspector xefe do Corpo de Policía Nacional José Díaz Fernández como secretario do encontro.

Os temas abordados esta mañá foron o concepto de violencia psíquica no delito de violencia doméstica e a análise de casos de asasinos en serie, ambos por parte de Lorenzo Morillas Cueva (catedrático de Dereito Penal da Universidade de Granada), mentres que pola tarde celebraranse dúas ponencias sobre a imputabilidade penal (por parte de José Manuel Lorenzo Salgado, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Santiago de Compostela) e sobre a dureza e insensibilidade afectiva como indicador de psicopatía (por Wenceslao Peñate Castro, catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de La Laguna).